30/1/12

Hoxe celebramos o Día da Paz

Hoxe foi un día moi especial, fixemos varias actividades para aprender e conmemorar o Día Escolar da Paz e Non Violencia:

26/1/12

Contacontos Inacio Vilariño

 O luns, 30 de xaneiro, temos a visita do contacontos Inacio, por xentileza do Consorcio Editorial Galego S.A.


Inacio Vilariño Sanmartín (Lalín, 1974) dedícase ás artes escénicas e dirixe a compañía Fantoches Baj.
A súa admiración pola cultura popular reflíctese non só no eido investigador senón tamén no creativo, sobre todo na literatura dramática, pois mereceu o VII Premio Barriga Verde de Textos para teatro de monicreques na modalidade de adultos no ano 2009 coa obra Auga que non vas beber..., e no 2010 o VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil con Fábula galénica (Baía Edicións/Xunta de Galicia, 2011), na que homenaxea co título as narracións tradicionais, as radios de galena e a ciencia farmacéutica.
A obra acontece en oito espazos enmarcados no teatriño de monicreques que semella unha radio antiga xigante. Un locutor con voz en off ou rapsoda, acompañado de música en directo, a modo das telenovelas radiadas, dá comezo a esta fábula coa fórmula inicial "Hai moitos anos, en Catasós".
A cuberta da obra ‘Fábula galénica’

Logo en dezanove escenas, nas que alternan os espazos interiores e exteriores da torre, da fraga e da aldea de Moneixas, os personaxes animais humanizados (raposa, lobo e burro) relaciónanse cos personaxes humanos arquetípicos, como a vella menciñeira, o cura lambón e o dono avaro, e con elementos da natureza animados (a táboa, a fonte, o lume e o regato).
Nas escenas Inacio emprega, moi ben engarzados, diferentes motivos dos relatos humorísticos e dos contos de animais, como acontece co conto galego coñecido como Os bautizos da raposa e co uso do escatolóxico, moi do gusto do lectorado infantil, pois o burro da tía Lola é quen de esconder o lobo, a raposa e o regato no seu cu.
No final da peza utiliza o recurso de encadeamento de elementos, propio dos contos acumulativos, e non falta, como en toda boa fábula, certa mensaxe moralizante ao converter a Don Cardo, señor de Catasós, nun saboroso cardo borriqueiro polas súas malas accións e facer tamén unha defensa ecoloxista.
As ilustracións do artista gráfico Óscar Villán (Ourense, 1972) complementan o texto teatral e agudizan o humor con escenas figurativas da acción na que presenta os diferentes personaxes da historia.

24/1/12

Libros para a PAZ


Pica na imaxe para ter este fermoso libro de Anna Obiols " Me llamo PAZ"


18/1/12

Traballos para a Paz

Achégase o 30 de xaneiro, data na que se celebra o Día Escolar da Paz e Non Violencia, para irnos metendo en materia dende a Bibliosoños fixemos esta páxina especial de recursos para traballar nas aulas.


Para entrar no blog Día Escolar da Paz e Non Violencia pica na imaxe da pomba da paz da marxe dereita deste blog.

9/1/12

En recordo de Isaac Díaz Pardo

Nesta páxina podemos atopar moita información sobre Isaac Díaz Pardo

8/1/12

Acontecementos no tempo de Nadal

Ano Celso Emilio Ferreiro.
O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos de Galicia, Francisco López, presentou  o programa de actos que a Xunta de Galicia desenvolverá ao longo do presente ano 2012 en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 - Vigo, 1979) con motivo do centenario do seu nacemento o 4 de xaneiro de 1912: exposicións, edicións, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos para poñer de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura e da poesía galega do século XX.

Pasamento de Isaac Díaz Pardonado en Santiago de Compostela o 22 de agosto de 1920 e finado na Coruña o 5 de xaneiro de 2012,  foi un intelectual e artista galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia. Acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.



O sábado, 7 de xaneiro foi o 62 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O escritor santanderino Álvaro Pombo gañou o 68º Premio Nadal coa súa novela El temblor del héroe, unha obra na que o autor reflexiona sobre a indiferenza. A novela, presentada ao premio baixo o pseudónimo de Jorge Bruno e o título ficticio de Los amigos de Román, parte da experiencia que vive un profesor universitario xubilado, que contempla un suceso, e que dá pé a Pombo a falar sobre a indiferenza na sociedade.